Thursday 09 de May de 2024

Os Museos Científicos Coruñeses programan unha xornada de portas abertas o Martes de Entroido


A entrada á Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae será gratuíta

Para visitar o Aquarium ou para asistir a unha sesión de Planetario será imprescindible realizar unha reserva de entradas, que poderá facerse desde o sábado 10 de febreiro

O próximo 13 de febreiro, Martes de Entroido, festivo local, a entrada á Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae será gratuíta. Con motivo dunhas celebracións con moito arraigo na cidade, o Goberno de Inés Rey ofrece unha xornada de portas abertas nos Museos Científicos co obxectivo de promover estes espazos e a asistencia masiva por parte da cidadanía nun día festivo.

Para visitar o Aquarium Finisterrae é imprescindible realizar unha reserva de entradas, que poderá facerse desde o sábado 10 de febreiro ás 10.00 horas nesta páxina:https://ticketing.coruna.eu/mc2-aq/. Para facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, estas poderán acceder sen reserva, acompañadas doutra persoa se o precisan.

A entrada para visitar as salas de exposición da Casa das Ciencias será libre, mais para asistir a algunha das catro sesións de Planetario programadas para esta xornada haberá que retirar invitacións, o que se poderá facer desde o sábado 10 nesta páxina: https://ticketing.coruna.gal/mc2/cc/

A visita á Domus será libre, sen reserva previa, e sempre que a capacidade non estea completa. O horario de apertura será de 11.00 a 19.00 horas, co último acceso ás 18.00 horas no Aquarium Finisterrae, e ás 18.30 horas na Casa das Ciencias e Domus.